Friday 03 de May de 2024

Dous mozos emprendedores de Santiago gañan o primeiro premio do Programa Yuzz en España dotado con 30.000 euros


O proxecto Situm consiste nunha tecnoloxía de localización de smartphones para coñecer a posición dun teléfono nun espazo pechado

O proxecto Situm, de Adrián Canedo Rodríguez e Víctor Álvarez Santos, vén de acadar o primeiro premio a nivel nacional do programa Yuzz, dotado cun total de 30.000 euros para desenvolver a súa idea.

Esta iniciativa viña de ser escollida como a mellor do centro Yuzz de Santiago e, polo tanto, correspondíalle competir a nivel nacional coas ideas gañadoras das outras 23 cidades españolas –incluída Vigo- que contan cun centro Yuzz.

Situm consiste nunha tecnoloxía de localización de smartphones que permite coñecer a posición de calquera teléfono dentro dos edificios onde o GPS non funcione. Isto permite desenvolver aplicacións e servizos xeoposicionados para interiores como por exemplo: o guiado de persoas en grandes superficies, a busca de produtos e tendas en centros comerciais ou o estudo de comportamento de clientes en tenda. Deste xeito, Situm ofrece dous tipos de produtos: por unha parte, tecnoloxía de localización; e, por outra, produtos finais como aplicacións e servizos posicionados que resolven necesidades específicas en distintos sectores.

O xurado que escolleu este proxecto como o mellor de toda España estaba integrado por representantes de Banco Santander, CISE, e entidades colaboradoras desta iniciativa.

O programa Yuzz está dirixido polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE), co patrocinio do Banco Santander, a través da súa división Global Santander Universidades, e a colaboración da Xunta de Galicia. Iniciouse en 2009 en Madrid e Barcelona, que actualmente chega a 24 cidades de toda España, e conta coa participación de preto de 500 mozos e mozas. En Galicia desenvolveuse nas sedes de Santiago e Vigo, e nel participaron un total de 40 mozos e mozas emprendedores en total.

Durante os 6 meses de duración, Yuzz facilita aos seleccionados o apoio necesario para desenvolver as súas ideas: unha rede de máis de 200 expertos profesionais, formación empresarial, asesorías, titorías personalizadas, e unha plataforma de traballo colaborativo en liña, para que a súa idea poida materializarse nun proxecto empresarial.

Lathaeus, seleccionado en Vigo
O proxecto seleccionado de Vigo para participar nesta última fase a nivel nacional foi Lathaeus, presentado por David Rodríguez Constela e Adam Anh Kim Caramés. Consiste nunha pulseira electrónica para coidar ás persoas da terceira idade, que ten como obxectivo mellorar a súa calidade de vida e dar maior liberdade tanto a estas persoas como aos seus coidadores. As súas funcións céntranse no seguimento da ubicación do portador, na alerta mediante mensaxes ou chamadas aos familiares se este caeu ou saíu da súa zona habitual, e recordatorios da toma de medicamentos. Inclúe tamén un broche coa mensaxe “se mes ves desorientado, pulsa o botón da miña pulseira”, para que se avise directamente aos seus familiares. A pulseira, a diferenza doutras do mercado, funciona de xeito automático en casos de accidente e é independente, ademais de ser compatible con calquera tipo de móbil actual.